Venus | |
Descubrimento | |
---|---|
Descuberto por | civilizacións antigas |
Descuberto | na antigüidade |
Características da órbita (Época J2000) | |
Eixe semi-maior | 108 208 926 km (0,72333199 AU) |
Circunferencia orbital | 0,68 Tm (4,545 AU) |
Excentricidade orbital | 0,00677323 |
Perihelio | 107 476 002 km (0,71843270 AU) |
Afelio | 108 941 849 km (0,72823128 AU) |
Ano sidéreo (Período orbital sidéreo) | 224,70096 días terrestres
(0,6151977 anos terrestres) |
Período Sinódico | 583,92 días terrestres |
Velocidade Orbital Media | 35,02 km/s |
Velocidade Orbital Máxima | 35,259 km/s |
Velocidade Orbital Mínima | 34,784 km/s |
Inclinación Orbital en relación coa Eclíptica | 3,39471° (3,86° respecto ó ecuador solar) |
Lonxitude do nodo ascendente | 76,68069° |
Argumento do perihelio | 54,85229° |
Satélites | 0 |
Características físicas | |
Diámetro ecuatorial | 12 103,7 km
(0,949 Terra) |
Área superficial (superficie) | 4,60×108 km²
(0,902 Terra) |
Volume | 9,28×1011 km³
(0,857 Terra) |
Masa | 4,8685×1024 kg
(0,815 Terra) |
Densidade | 5,204 g/cm³ |
Gravidade no Ecuador | 8,87 m/s² (0,904 gee) |
Velocidade de Escape | 10,36 km/s |
Período de rotación | -243,0185 días terrestres |
Velocidade de Rotación | 6,52 km/h (no ecuador) |
Inclinación do eixe de xiro | 2,64°° |
Ascensión Recta do Polo Norte |
272,76° (18 h 11 min 2 s) |
Declinación | 67,16° |
Albedo | 0,65 |
Temperatura - min - media - max |
228 K(alto nubes) 737 K 773 K |
Presión Atmosférica Superficial | 9321,9 kPa |
Constituíntes Atmosféricos | |
Dióxido de carbono | 96% |
Nitróxeno | 3% |
Dióxido de xofre Vapor de auga |
trazas |
Venus é o segundo planeta do sistema solar en orde de proximidade ao Sol e o terceiro en canto a tamaño en orde ascendente despois de Mercurio e Marte e ten algunhas características peculiares. Do mesmo xeito que Mercurio, carece de satélites naturais. A súa órbita é unha elipse cunha excentricidade de menos do 1 %, formando a órbita máis circular de todos os planetas; apenas supera a de Neptuno. Este planeta ademais posúe o día máis longo do sistema solar —243 días terrestres—, o seu movemento é dextróxiro, é dicir, xira no sentido das agullas do reloxo, contrario ao movemento dos outros planetas. Por iso, nun día venusiano o Sol sae polo oeste e ponse polo leste. As súas nubes, con todo, poden dar a volta ao planeta en catro días terrestres. De feito, previamente a estudalo con naves non tripuladas na súa superficie ou con radares, pensábase que o período de rotación de Venus era duns catro días terrestres.
Trátase dun planeta interior de tipo rochoso e terrestre, chamado con frecuencia o planeta irmán da Terra, xa que ambos son similares en canto a tamaño, masa e composición, aínda que totalmente diferentes en cuestións térmicas e atmosféricas (a temperatura media de Venus é de 463,85 °C). A súa atmosfera chega a ser extremadamente densa nas capas interiores, o que lle produce, xunto coa súa composición, un efecto invernadoiro moi forte, que mantén a súa superficie a uns 500 °C. A súa presión atmosférica é 90 veces superior á terrestre; é, polo tanto, a maior presión atmosférica de todos os planetas rochosos do sistema solar. É de cor branca/amarelada pola súa atmosfera composta maioritariamente por dióxido de carbono (CO2), ácido sulfhídrico (H2S) e nitróxeno (N2).
A pesar de situarse máis lonxe do Sol que Mercurio, Venus posúe a atmosfera máis quente do sistema solar; isto débese a que está principalmente composta por gases de efecto invernadoiro, como o dióxido de carbono, atrapando moito máis calor do Sol. Actualmente carece de auga líquida e as súas condicións en superficie considéranse incompatibles coa vida coñecida, aínda que en descubrimentos recentes atopouse fosfina na súa superficie nebular, unha molécula que na Terra é xerada por microbios, o que dá indicios dunha posible existencia de vida.[1] Con todo, o Instituto Goddard de Estudos Espaciais da NASA e outros postularon que no pasado Venus puido ter océanos[2][3][4] con tanta auga como o océano terrestre[5] e reunir condicións de habitabilidade planetaria.[3][4][6][7]
Ao atoparse Venus máis próximo ao Sol que a Terra, sempre se pode atopar nas inmediacións do Sol (a súa maior elongación é de 47,8°), polo que desde a Terra pódese ver só durante unhas poucas horas antes do orto (saída do Sol) nuns determinados meses do ano; tamén durante unhas poucas horas despois do ocaso (posta do Sol) no resto do ano. A pesar diso, cando Venus é máis brillante pode ser visto durante o día, sendo un dos tres únicos corpos celestes que poden ser vistos de día a primeira ollada ademais da Lúa e o Sol. Venus pode proxectar sombras e pode ser visible a simple vista a plena luz do día.[8][9] Polo mesmo motivo, Venus presenta fases tal como o fai a Lúa, se ben non chega a producirse nada máis que unha parte das que corresponden ó noso satélite, pois non pode poñerse de xeito máis afastado do Sol que o que está a Terra. Estas fases foron primeiro observadas por Galileo e foron utilizadas por el como un indicio de que os planetas xiran arredor do Sol. Coñecido como a estrela da mañá (‘Luceiro do alba’) ou da tarde (‘Luceiro vespertino’), cando é visible no ceo nocturno é o segundo obxecto máis brillante do firmamento tras a Luna, polo que Venus debeu ser xa coñecido desde os tempos prehistóricos.[10]
A maioría das antigas civilizacións coñecían os movementos no ceo de Venus, polo que adquiriu importancia en case todas as interpretacións astrolóxicas do movemento planetario. En particular, a civilización maia elaborou un calendario relixioso baseado nos ciclos astronómicos, incluídos os ciclos de Venus.
Venus recibe o seu nome en honra a Venus, a deusa romana do amor (na Grecia antiga, Afrodita). Os adxectivos venusiano/a, venusino/a e venéreo/a (poeticamente) son usados para denotar as características habitualmente atribuídas a Venus/Afrodita. O adxectivo venéreo adoita asociarse ás enfermidades de transmisión sexual. Venus e a Terra (deusa grega Xea) son os únicos planetas do sistema solar con nome feminino. O símbolo do planeta Venus é unha representación estilizada do espello da deusa Venus: un círculo cunha pequena cruz debaixo, utilizado tamén hoxe para denotar o sexo feminino.