Virus da inmunodeficiencia humana

Virus da inmunodeficiencia humana

Imaxe de microscopio electrónico de varrido do VIH-1 (en verde) emerxendo das células dun cultivo de linfocitos. As protuberancias redondas que se observan na superficie da célula representan os sitios de ensamblaxe e de evaxinación dos virións.
Clasificación científica
Grupo: VI (Virus ARN monocatenario retrotranscrito)
Familia: Retroviridae
Xénero: 'Lentivirus'
Especies
  • Virus da inmunodeficiencia humana 1
  • Virus da inmunodeficiencia humana 2

O virus da inmunodeficiencia humana (VIH, en inglés HIV) é un lentivirus (un retrovirus de replicación lenta) que causa a síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA, en inglés AIDS),[1][2] unha condición do sistema inmunolóxico humano na que este perde progresivamente as súas capacidades de protección contra as infeccións e permite que se produzan infeccións oportunistas que ameazan a vida e favorecen a formación de cancros. A infección polo VIH contráese pola transferencia entre persoas de sangue, seme, fluído vaxinal, preexaculado, ou leite materno de persoas infectadas. Nestes fluídos corporais, o VIH está presente como partículas de virus libres ou como virus inserido en células inmunitarias (glóbulos brancos) infectados.

O VIH infecta a células vitais para o sistema inmunitario humano como son as células T axudantes (especificamente son células T CD4+), macrófagos, e células dendríticas.[3] A infección por VIH orixina unha diminución ata niveis baixos das células T CD4+ por medio de diversos mecanismos como: apoptose de células próximas non afectadas,[4] morte directa por efecto viral de células infectadas, e morte de linfocitos T CD4+ infectados causada por linfocitos T citotóxicos (CD8+) que recoñecen a células infectadas.[5] A diminución das células T CD4+ é especialmente importante, porque elas son os linfocitos reguladores necesarios para activar gran parte das respostas inmunitarias. Se o seu número declina ata un nivel crítico, a inmunidade mediada por células pérdese, e o corpo faise progresivamente máis susceptible ás infeccións oportunistas.

  1. Weiss RA (1993). "How does HIV cause AIDS?". Science 260 (5112): 1273–9. Bibcode:1993Sci...260.1273W. PMID 8493571. doi:10.1126/science.8493571. 
  2. Douek DC, Roederer M, Koup RA (2009). "Emerging Concepts in the Immunopathogenesis of AIDS". Annu. Rev. Med. 60: 471–84. PMC 2716400. PMID 18947296. doi:10.1146/annurev.med.60.041807.123549. 
  3. Cunningham, A.; Donaghy, H.; Harman, A.; Kim, M.; Turville, S. (2010). "Manipulation of dendritic cell function by viruses". Current opinion in microbiology 13 (4): 524–529. doi:10.1016/j.mib.2010.06.002. PMID 20598938.
  4. Garg, H; Mohl, J; Joshi, A (2012 Nov 9). "HIV-1 induced bystander apoptosis.". Viruses 4 (11): 3020–43. PMID 23202514. 
  5. Kumar, Vinay (2012). Robbins Basic Pathology (9th ed.). p. 147. ISBN 9781455737871. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in