Viscosidade

Certos fluídos como, por exemplo, o mel, mostran unha viscosidade maior que a auga.
Viscosímetro de Ostwald.

A viscosidade dun fluído é unha medida da súa resistencia ás deformacións graduais producidas por tensións cortantes ou tensións de tracción, é dicir, a resistencia que ofrece un fluído ao movemento uniforme da súa masa, debida ao rozamento das moléculas que o compoñen.[1]

A viscosidade correspóndese co concepto informal de "espesor". Por exemplo, o mel ten unha viscosidade moito maior que a auga.[2]

A viscosidade é unha propiedade física característica de todos os fluídos, a cal emerxe das colisións entre as partículas do fluído que se moven a diferentes velocidades, provocando unha resistencia ao seu movemento. Cando un fluído se move forzado por un tubo, as partículas que compoñen o fluído móvense máis rápido cerca do eixe lonxitudinal do tubo, e máis lentas cerca das paredes. Polo tanto, é necesario que exista unha tensión cortante (como unha diferenza de presión) para superar a resistencia de fricción entre as capas do líquido, e que o fluído siga movéndose polo tubo. Para un mesmo perfil radial de velocidades, a tensión requirida é proporcional á viscosidade do fluído.

Un fluído que non teña viscosidade chámase fluído ideal. A viscosidade nula soamente aparece en superfluídos a temperaturas moi baixas. O resto dos fluídos coñecidos presentan algo de viscosidade. Porén, o modelo de viscosidade nula é unha aproximación bastante boa para certas aplicacións.

A viscosidade dalgúns fluídos mídese experimentalmente con viscosímetros e reómetros. A parte da física que estuda as propiedades viscosas dos fluídos é a reoloxía.

  1. viscosidade, 2ª acep. no Dicionario da RAG.
  2. Symon, Keith (1971). "Mechanics" (Third ed.). Boston, Massachusetts, USA: Addison-Wesley. ISBN 978-0-2010-7392-8. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy