A niacina, ou ácido nicotínico, vitamina B3 ou vitamina PP, é unha vitamina hidrosoluble cuxos derivados, NADH e NAD+ , e NADPH e NADP+, xogan roles esenciais no metabolismo enerxético da célula e da reparación do ADN [1]. A designación vitamina B3 tamén inclúe ás correspondentes amidas, nicotinamida ou niacinamida, con fórmula química C6H6ON2.
Co termo xenérico de niacina enténdese o ácido nicotínico, a súa amida (a nicotinamida) e todos os derivados biolóxicos que se poden transformar en compostos bioloxicamente activos. Polo xeral defínese a actividade da niacina nos alimentos como a concentración de ácido nicotínico formado pola conversión en niacina do triptófano contido nos alimentos. Esta é bioloxicamente precursora de dúas coenzimas que interveñen en case todas as reaccións de oxidorredución: o nicotín adenín dinucleótido (NAD+) e o nicotín adenín dinucleótido fosfato (NADP+).
A nicotinamida e o ácido nicotínico atópanse abundantemente na natureza. Hai unha predominancia de ácido nicotínico nas plantas, mentres que nos animais predomina a nicotinamida. Atópase principalmente no lévedo, o fígado, as aves, as carnes sen graxa, os froitos secos e os legumes. O triptófano, precursor da niacina, atópase abundantemente na carne, o leite e os ovos.
A niacina participa nas reaccións que xeran enerxía grazas á conversión bioquímica de hidratos de carbono, graxas e proteínas. NAD e NADH son fundamentais para utilizar a enerxía metabólica dos alimentos. A niacina participa na síntese dalgunhas hormonas e é fundamental para o crecemento.
As necesidades diarias recomendadas de equivalentes de niacina (NE) para un adulto son: 6,6 NE por 1.000 kcal e non menos de 13 NE por consumo de calorías inferior a 2.000 kcal. Para os nenos de ata seis meses, cunha dieta calórica de 1.000 kcal ao día, son de 8 NE/día. Para idades superiores as necesidades diarias dependen de cantas calorías se inxiren. As mulleres embarazadas necesitan suplementos de 2 NE ao día, as que aleitan necesitan 5 NE ao día.
A pelagra é a consecuencia dunha carencia de vitamina B3 (de aí o nome de factor PP, Preventivo da Pelagra) e de triptófano ou do seu metabolismo.