Voo 800 de TWA | |
---|---|
Fuselaxe reconstruída do TWA 800
| |
Resumo | |
Data | 17 de xullo de 1996 |
Causa | Estoupido dun tanque de combustible |
Lugar | Moriches Inlet |
Coordenadas | |
Finados | 230 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 747-131 |
Operador | Trans World Airlines |
Rexistro | N93119 |
Pasaxeiros | 212 |
Tripulación | 18 |
Superviventes | 0 |
O voo 800 de TWA (TWA 800) foi un Boeing 747-100 que estoupou e se esnafrou no océano Atlántico preto de East Moriches, Nova York, o día 17 de xullo de 1996 sobre as 8:31 horas EDT, 12 minutos despois de engalar no Aeroporto Internacional John F. Kennedy nun voo regular a Roma cunha escala en París.[1] As 230 persoas a bordo do avión morreron, sendo o terceiro accidente aéreo con máis mortes en territorio estadounidense.
Investigadores da Xunta Nacional de Seguridad do Transporte (NTSB) viaxaron ao lugar do accidente, a onde chegaron a mañá seguinte.[1] Inicialmente houbo moitas especulacións sobre se o accidente fora un ataque terrorista.[2][3][4] Debido a isto, o Federal Bureau of Investigation (FBI) iniciou unha investigación criminal paralela.[5] 16 meses despois, o FBI anunciou que non atopara ningunha proba dun acto criminal e pechou a súa investigación.[6]
A investigación de catro anos da NTSB rematou coa aprobación do informe do accidente o 23 de agosto de 2000. A conclusión do informe indica que a causa probable do accidente foi o estoupido de vapores de combustible/aire inflamables nun dos tanques de combustible, e aínda que non se puido determinar con certeza, a causa máis probable dese estoupido foi un curtocircuíto.[1] Como resultado da investigación desenvolvéronse novos requisitos para evitar futuros estoupidos nos tanques de combustible.[7]
Existen teorías da conspiración sobre o voo 800 de TWA, as máis frecuentes son as que falan dun ataque terrorista cun mísil ou dun lanzamento accidental dende un buque da Armada estadounidense, e que é un tema que o Goberno está encubrindo.[8][9] Porén, o gravador de voces da cabina non rexistrou ningún estoupido exterior antes de que se cortase a potencia pola explosión no tanque de combustible.