Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 18/11/2016 ata o 18/12/2016. |
O consenso fai referencia á principal forma de toma de decisións da Wikipedia, e está aceptado como o mellor método para conseguir os obxectivos da Wikipedia marcados polos cinco piares. O consenso na Wikipedia non significa sempre unanimidade necesariamente, nin é o resultado dunha votación. A toma de decisións involucra un esforzo para incorporar as preocupacións lexítimas de tódolos editores, ó mesmo tempo que se respectan as políticas e normas da Wikipedia.
Esta política describe como se entende o consenso na Wikipedia, como determinar cando se acada un consenso e como proceder en caso contrario. Tamén se inclúen varias excepcións ó principio de que tódalas decisións se toman por consenso.