Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 29/03/2019 ata o 28/04/2019. |
Facer spam consiste en engadir contido á Wikipedia coa intención de promover ou facer publicidade dunha organización, individuo ou idea externa, e considérase prexudicial para a enciclopedia, polo que non se debe perturbar a Wikipedia con spam. En caso de atopar spam, debe eliminarse ou reescribirse o contido para eliminalo. Na Wikipedia danse tres tipos principais de spam: Os anuncios que se enmascaran como artigos e contribucións ós mesmos, o spam de ligazóns externas e o spam nas referencias coa intención de promover a un autor ou obra particular.