Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart[a] máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (ˈvɔlfgaŋ amaˈdeus ˈmoːtsart), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756[1] e finado en Viena o 5 de decembro de 1791,[1] é considerado un dos máis grandes compositores de música clásica europea.
A obra mozartiana abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal.
Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e do violín. Con só cinco anos xa compuña obras musicais e as súas interpretacións eran do aprecio da aristocracia e realeza europea. Aos dezasete anos foi contratado como músico na corte de Salzburgo, pero a súa inquietude levouno a viaxar á busca dunha mellor posición, sempre compoñendo de forma prolífica. Durante a súa visita a Viena en 1781, tras ser despedido do seu posto na corte, decidiu instalarse nesta cidade onde alcanzou a fama que mantivo o resto da súa vida, a pesar de pasar por situacións financeiras difíciles. Nos seus anos finais, compuxo moitas das súas sinfonías, concertos e óperas máis coñecidas, así como o seu Réquiem. As circunstancias da súa temperá morte foron obxecto de numerosas especulacións e elevada á categoría de mito.
En palabras de críticos de música como Nicholas Till, Mozart sempre aprendía vorazmente doutros músicos e desenvolveu un esplendor e unha madureza de estilo que abarcou desde a luz e a elegancia, á escuridade e a paixón -todo ben fundado por unha visión da humanidade «redimida pola arte, perdoada e reconciliada coa natureza e o absoluto»-.[2] A súa influencia en toda a música occidental posterior é profunda; Ludwig van Beethoven escribiu as súas primeiras composicións á sombra de Mozart, de quen Joseph Haydn escribiu que «a posteridade non verá tal talento outra vez en cen anos».[3]
Erro no código da cita: As etiquetas <ref>
existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/>
correspondente