Xadrez

Para describir os movementos das pezas de xadrez neste artigo usouse a notación alxébrica.
Pezas de xadrez.

O xadrez[1] é un xogo de estratexia que se practica normalmente entre dúas persoas nas que cada unha delas dispón de 16 pezas móbiles de diferentes formas e características (1 rei, 1 raíña ou dama, 2 alfis, 2 cabalos, 2 torres e 8 peóns) e que se colocan sobre un taboleiro cadrado dividido en 64 casas ou escaques nunha disposición cadrada de 8 x 8 e de dúas cores alternas, normalmente brancas e negras. O obxectivo é dar xaque mate («derrocar») ao rei do opoñente. Isto faise ameazando a casa que ocupa o rei con algunha das pezas propias sen que o outro xogador poida protexer ao seu rei interpoñendo unha peza entre o seu rei e a peza que o ameaza, mover o seu rei a un escaque libre de ameazas ou capturar á peza que o está ameazando, o que trae como resultado o xaque mate e o fin da partida.

Malia a que os xogadores compiten a nivel individual en diferentes torneos tamén existen competicións por equipos, sendo unha das máis importantes as olimpíadas de xadrez.

Na súa versión de competición,[2] o xadrez está considerado como un deporte.[3]

O xadrez é un dos xogos máis populares do mundo, practicado por millóns de persoas de maneira informal, en torneos (de afeccionados e profesionais), clubs, escolas, a través de Internet ou por correspondencia. Atópanse características de arte e de ciencia nas composicións xadrecísticas e na súa teoría, que abarca aperturas, medio xogo e finais, as fases en que tradicionalmente se subdivide o transcurso do xogo. Na terminoloxía do xogo, os xogadores son denominados xadrecistas. No xadrez, que é un xogo de estratexia e de táctica, non implica o elemento sorte, coa única excepción en canto ao sorteo das cores ao comezo do xogo (as brancas sempre fan o primeiro movemento) e é especialmente coñecido pola súa alta complexidade.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xadrez.
  2. "Leyes del ajedrez de la FIDE" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de marzo de 2013. Consultado o 2 de abril de 2013. 
  3. "La Federación Española de Ajedrez es una de las federaciones deportivas españolas reconocidas por el Consejo Superior de Deportes de España". csd.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2010. Consultado o 5 de novembro de 2010. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in