Xogo de aposta

Caravaggio, Os xogadores de cartas, c. 1594.

O xogo de aposta é un xogo de azar no que as persoas que interveñen (xogadores ou apostantes) pagan unha cantidade fixa ou variábel de diñeiro ou aportan un ben material (aposta), por predicir o resultado incerto do xogo a cambio de obter un premio económico ou material se a súa predición resulta certa.

Calquera xogo de azar, sen ser necesariamente un xogo de aposta, pode converterse nun xogo deste tipo mediante un acordo entre os xogadores, quen pactan unhas cantidades ou bens materiais que o(s) perdedor(es) debe(n) entregar ao gañador(es). Por exemplo, no xogo do tute pódese pactar unha cantidade fixa por partida que o(s) perdedor(es) debe(n) entregar ao(s) gañador(es); no xogo das bólas os rapaces participantes establecen regras para que as bólas cambien de propietario. Ademais, o xogo de aposta require a presenza de tres elementos: azar, premio e recompensa[1]. Con frecuencia o desenlace da aposta é inmediato, como o simple lanzamento dun dado ou da bóla na ruleta, pero tamén son comúns apostas a medio ou longo prazo como ocorre nas apostas deportivas, algunhas das cales poden abranguer unha temporada completa.

En España réxense pola Lei 13/2011 de regulación do xogo[2]. A institución pública responsábel de regular esta actividade en Galiza é a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galiza[3].

Os xogos de apostas son unha importante actividade comercial, cun mercado legal mundial estimado en 335.000 millóns de dólares no ano 2009[4].

  1. Joomla! (ed.). "Gambling and the Law®" (en inglés). Consultado o 15 de agosto de 2014. 
  2. BOE (ed.). "Lei 13/2011, do 27 de maio, de regulación do xogo (suplemento en lingua galega do BOE do 28/05/2011)" (PDF). Consultado o 15 de agosto de 2014. 
  3. Xunta de Galiza (ed.). "Xogo: funcións e competencias". Consultado o 15 de agosto de 2014. 
  4. The Economist, ed. (8 xullo de 2010). "You bet" (en inglés). Consultado o 15 de agosto de 2014. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in