Un xoguete[1] é un obxecto mediante o cal se acada a diversión. Polo xeral, está destinado a cativos, aínda que existen tamén diversos xoguetes creados para adultos ou accesibles a todo o mundo. Mesmo os animais domésticos, en especial cans e gatos, son destinatarios dalgúns aparellos lúdicos creados especificamente para eles.
En xeral os xoguetes teñen como obxectivo a recreación, sen exceptuar outras funcións como a formación, a aprendizaxe, o desenvolvemento ou estimulación dos aspectos intelectuais, psicolóxico, sensorio-motriz e de convivencia social. Nos nenos o xoguete é un concepto imprescindible e toma o seu máximo valor no contexto do desenvolvemento humano. A función do xoguete nos nenos é a de apoiar o desenvolvemento de múltiples aspectos deste, tanto o físico como o psicolóxico.