Panceltismo

Bandeira pancéltica creada por Robert Berthelier nos anos 1950. Componse de dous trísceles entrelazados.
As seis nacións celtas consideradas como a patria dos modernos celtas segundo a Liga Céltica e o Congreso celta.

O panceltismo[1][2] (en irlandés: Pan-Chelteachas, en galés: Pan-Geltaidd, en escocés: Pan-Cheilteachas), tamén coñecido como celtismo[3] ou nacionalismo celta, é un movemento político, social, cultural e pannacionalista que avoga pola solidariedade e a cooperación entre as nacións celtas (tanto das ramas dos gaels como britanos) do noroeste de Europa.[4] Algunhas organización panceltistas pulan pola secesión das nacións celtas do Reino Unido e Francia e que formen o seu propio estado federal independente, mentres que outras prefiren unha estreita colaboración entre nacións celtas soberanas e independentes na forma do nacionalismo irlandés, nacionalismo escocés, nacionalismo galés, nacionalismo bretón, nacionalismo córnico e nacionalismo manx.

Ao igual que outros movementos pannacionalistas, como o paneslavismo, o panxermanismo, o turanismo, o paniranismo ou o panlatinismo, o movemento panceltista xurdiu durante o nacionalismo romántico, e especificamente no rexurdimento celta. O movemento panceltista foi máis prominente durante os séculos XIX e XX (entre os anos 1838 e 1939). Algúns dos primeiros contactos do panceltismo tiveron lugar a través de Gorsedd e Eisteddfod, e o Congreso celta anual comezou a celebrarse en 1900. Dende entón, a Liga Céltica converteuse na organización máis importante do panceltismo político. As súas iniciativas céntranse en gran medida na cooperación cultural celta, como os festivais de música, arte e literatura, que adoitan chamarse "interceltas".

  1. Villares, Ramón. Universidade de Santiago de Compostela, ed. Galicia e Bretaña. Relacións e analoxías entre dúas nacións culturais (PDF). p. 43. 
  2. Real Academia Galega (ed.). "Leabar Gabala. Livre des Invasions (1884) na Real Academia Galega". Consultado o 20 de xaneiro de 2021. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para celtismo.
  4. Ellis, Peter Berresford (2002). Celtic dawn: the dream of Celtic unity. ISBN 9780862436438. Consultado o 19 de xaneiro de 2010. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy