Antocianina

Coliflor púrpura que contén antocianinas.
A petunidina-3-O-glicósido é un exemplo de antocianina, formada pola antocianina petunidina unida a un azucre, a glicosa.

As antocianinas (do grego ἄνθος, anthos, 'flor' e κυάνεος/κυανοῦς, kuáneos/kuanoû, 'azul escuro'), tamén chamadas antocianos ou antocianósidos, son pigmentos vacuolares hidrosolubles que, dependendo do pH, poden ter cor vermella, púrpura, azul ou negra. Son glicósidos formados por un glícido (azucre) unido a un derivado flavonoide (unha aglicona), que durante a súa hidrólise renden agliconas coloreadas chamadas antocianidinas.[1]

antocianina = azucre + antocianidina

En 1835, o farmacéutico alemán Ludwig Clamor Marquart deulle o nome de Anthokyan a un composto químico que lle daba ás flores unha cor azul no seu tratado "Die Farben der Blüthen" e de aí deriva o seu nome. Entre as plantas comestibles ricas en antocianinas están os arandos, framboesa, arroz negro e soia negra, entre moitos outros que son vermellos, azuis, púrpuras ou negros. Algunhas das cores das follas outonais derivan de antocianinas (outras de pigmentos fotosintéticos secundarios).[2][3]

As antocianinas son pigmentos de plantas que pertencen a unha clase maior de compostos chamados flavonoides sintetizados pola vía do fenilpropanoide. Aparecen en todos os tecidos das plantas superiores, incluíndo as follas, talos, raíces, flores e froitos. As antocianinas derivan das antocianidinas ao engadirlles azucres.[4] Son inodoros e moderadamente adstrinxentes.

Aínda que as antocianinas están aprobadas como colorantes extraídos de fontes naturais de alimentos e bebidas na Unión Europea, esta reavaliándose o seu uso como aditivo alimentario (E-163), xa que necesita maior verificación, aínda que o panel de expertos da Autoridade de Seguridade Alimentaria Europea indica que cos datos dos que se dispón "as exposicións estimadas dos usos actuais e niveis de uso destes extractos é improbable que sexan unha preocupación para a seguridade".[5] Non hai probas concluíntes de que as antocianinas teñen efectos sobre a bioloxía (nin malos nin bos) nin tampouco sobre doenzas humanas.[5][6][7]

  1. "Anthocyanins". Compendium of Chemical Terminology (the "Gold Book") (2ª ed.). IUPAC.  (2006–) [1997]. 
  2. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome davies2004
  3. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome archetti2011
  4. Andersen, Øyvind M (17 de outubro de 2001). "Anthocyanins". Encyclopedia of Life Sciences. John Wiley & Sons. ISBN 978-0470016176. doi:10.1038/npg.els.0001909. 
  5. 5,0 5,1 "Scientific opinion on the re-evaluation of anthocyanins (E 163) as a food additive". EFSA Journal (European Food Safety Authority) 11 (4): 3145. abril de 2013. doi:10.2903/j.efsa.2013.3145. 
  6. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome efsa2010
  7. "Flavonoids". Micronutrient Information Center. Corvallis, Oregon: Linus Pauling Institute, Oregon State University. 2016. Consultado o 2022-03-27. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy