Seita

Unha seita é un concepto utilizado para designar, en principio, calquera doutrina, ideoloxía ou sistema que diverxa da correspondente doutrina ou sistema dominante, e tamén para designar o propio conxunto de persoas (o grupo organizado ou movemento adherente a tal doutrina, ideoloxía ou sistema), os cales, en canto diverxentes da opinión xeral, presentan significado social.

Usualmente enténdese o termo na súa significación específica (stricto sensu) só relixiosa, polo que por "seita" enténdese, a priori e de ordinario, inmediatamente "seita relixiosa". Porén, tal nexo causal non é imperativo, pois non sempre unha seita está no dominio relixioso.

O termo usábase orixinariamente para referirse a comunidades filosóficas, relixiosas ou políticas que, a través das súas ensinanzas ou ritos, separáranse da súa comunidade de orixe.

Desde o punto de vista sociolóxico, é un grupo de persoas con afinidades comúns (culturais, relixiosas, políticas, esotéricas etcétera).

Como unha das posíbeis acepcións do termo ten connotacións negativas,[1][2] algúns suxiren, para o significado máis común que se lles dá ás seitas (o relixioso), o termo alternativo novos movementos relixiosos.

En Europa a palabra seita concibiuse derivada principalmente de sequi ("seguir"). Trátase de seguir a un mestro, a un líder. En moitas das seitas así sucede. O problema da terminoloxía é importante, xa que desde distintas áreas do pensamento e da ciencia se ofrecen diversas definicións. O experto Vicente Jara recompilou máis de 15 definicións antes de propñer unha propia: a seita é "un grupo social depredador que practica o mimetismo e o engado».[3]

Os sociólogos anglófonos utilizan a palabra sect ("credo", "culto" ou mesmo "seita", na súa acepción menos usada) para referirse a un grupo relixioso que tamén ten un alto grao de tensión coa sociedade circundante, pero cuxa crenza é, dentro do contexto desa sociedade, en gran parte tradicional. O termo pexorativo cult, equivalente á palabra galega "seita" na súa acepción máis común, indica un grupo que ten un alto grao de tensión coa sociedade circundante.

  1. Gran dicionario século 21 da lingua galega: ver seita.
  2. DRAE: ver secta (terceira acepción).
  3. Vicente Jara: Definición y criterios. Arquivado 22 de novembro de 2009 en Wayback Machine.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy